sábado, 26 de marzo de 2011

ENCONTRO CON TERESA GONZÁLEZ COSTA...


O pasado venres, 25 de marzo recibimos a grata visita de TERESA GONZÁLEZ COSTA, premio MERLÍN 2010 e que compartiu cos membros do CLUB DE LECTURA un un rato moi, moi agradable . A autora de A FILLA DO LADRÓN DE BICICLETAS explicou ás nenas e nenos que voluntariamente forman parte deste club de lectura as súas inquedanzas, a súa visión dos distintos persoeiros que aparecen no seu libro, as súas vivencias.... e pola biblioteca do colexio desfilaron algúns personaxes moi entrañables para todos nós como SERAFINA, DONA PERFECTA, O VELLO ELÍAS, MILO, MARTIÑO O BRAVO... Os nenos e nenas fixéronlle a TERESA mil e unha preguntas ás que a autora respondeu dun xeito sinxelo mantendo en todo momento a atención e interese do alumnado. Finalmente e con toda amabilidade do mundo asinou un a un en cada libro que o alumnado ía presentandolle con dedicatorias moi cariñoñas. Foi unha xornada inesquecible e agradecémoslle a TERESA a súa presenza na nosa biblioteca e desexámoslle moitos éxitos no futuro. GRAZAS TERESA e ata sempre.


jueves, 24 de marzo de 2011

A BICICLETA TEN A SÚA HISTORIA...



Serafina fai equilibrios e pinchacarneiros sobre a súa bicicleta á que bautizou co nome de CELERÍFERA. Todos nós montamos algunha vez en bicicleta e, o que máis e o que menos intentou algunha vez facer cabriolas sobre a mesma. Debemos de usala con responsabilidade, pois non deixa de ser un vehículo con moi pouca protección. Disfrutade coa vosa bicicleta pero tomando sempre as debidas precaucións.


A bicicleta ten a súa historia. Non sempre foi como a coñecemos actualmente. Foi evolucionando co paso do tempo ata chegar á actualidade.
Se queres pescudar na historia da bicicleta, "pincha" sobre as fotografías que enlazan con páxinas onde se explica a súa historia e onde verás en imáxes a metamorfose que foi sufrindo.

A BICICLETA TEN HISTORIA

viernes, 18 de marzo de 2011

MENSAXE DA ESCRITORA AOS MEMBROS DO CLUB...


Benqueridos lectores,
En primeiro lugar gustaríame comunicarvos os meus parabéns por todo o que estades a facer para levar adiante ese lugar tan importante. Grazas por convidarme, para min é un verdadeiro pracer poder ir onda vós. Teño moitas gañas de coñecervos e de saber máis sobre as actividades que levades a cabo.
Estarei aí dentro de nada, uns días, para que xuntos falemos de todo o referente ao libro A Filla do Ladrón de Bicicletas. Non teño dúbida de que será unha conversa moi agradable, na que seguramente me contedes o que o libro espertou en vós. Espero as vosas opinións, as reflexións sobre os personaxes e outros moitos aspectos... E aproveitade, claro, para facerme todas as preguntas que queirades sobre o libro!

Recibide unha aperta moi forte e moitos ánimos da autora de A Filla do Ladrón de Bicicletas. Ata moi pronto,
Teresa González Costa