miércoles, 21 de abril de 2010

PALABRA DE...FINA!!!...


Un CLUB DE LECTURA!!

Queridas amigas e amigos, que sorte! Vaia privilexio estrear unha biblioteca nova contando con algo que é infinitamente máis importante ca os libros -e mira que os libros son o osíxeno das bibliotecas, pois deles aliméntanse e respiran-, contando, digo, con vós, cos lectores e lectoras!Eu xa son tan maior... que xa sei de sobra que vós sodes o máis importante en todo o proceso de lectura e escritura.O profesor Xulio díxome que ides comezar unha deliciosa viaxe para descubrir e comentar xuntos a forza das palabras. Veredes que fortes vos ides sentir: ides ser quen de dicir SI ou NON convencidos, ides medrar por dentro, ides emocionarvos, ides rir e escandalizarvos con olladas pillabanas... Sinto envexa, eu, cando era coma vós, non tiña biblioteca no cuarto, nin na casa, nin na escola, nin na miña pequena vila...Tamén me dixo que ides comezar a vosa experiencia co libro "O misterio dos fillos de Lúa". Moitas grazas por esa honra. OXALÁ VOS GUSTE TANTO COMO ME GUSTOU A MIN ESCRIBILO.

Dunha volta tiven unha gata que se chamaba Lúa, un fillo meu -que xa era maior daquela- atopáraa abandonada nun camiño e, cando Lúa medrou, namorou e ía ter gatiños, quería que estivésemos alí con ela. A min pareceume tan fermoso o que vin: aínda estaban máis gatiños por nacer e Lúa xa estaba aseando e coidando ao que nacera. Iso... o marabilloso que hai no feito de NACER, é o que me moveu a escribir esa historia que, por certo, continúa viva grazas a xente coma vós.Dende agora sodes unha sorte de intrépidos corsarios e corsarias que, de maneira pacífica - ou non tanto- ides atopar deliciosos tesouros, por suposto que non sen esforzo, mais... paga a pena!!.

Bo rumbo, piratas!!

De corazón, Fina.

PREPARADOS, LISTOS,..


Arrincamos!!! Por fin podemos poñer en marcha este CLUB DE LECTURA. Club para falar, para debater, para emocionarse, para desenvolver a nosa imaxinación e a nosa fantasía, para reunir aos "vellos" lectores e animar a aqueles que queren comezar a súa andaina polo mundo máxico dos libros.
Para comezar escollemos o libro O MISTERIO DOS FILLOS DE LÚA. Este libro é un clásico da nosa literatura infantil e xuvenil contemporánea. A súa autora , FINA CASALDERREY, gañou o PREMIO O BARCO DE VAPOR 1994 E O PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL 1996.


A Lúa, a gata, desaparécenlle os gatiños...
David, non entende este misterio...
Quen lle leva os fillos a Lúa?...